A Xunta anuncia un cribado aos profesionais “máis expostos” ao brote de coronavirus

Sanitarios, axentes dos corpos de seguridade e emerxencias, socorristas e persoal dos Servizos de Axuda no Fogar serán os destinatarios das probas

Paso de peóns nunha rúa de Viveiro. EFE/ELISEO TRIGO

A Consellería de Sanidade realizará un “cribado exhaustivo” aos colectivos “máis expostos á Covid-19” na comarca luguesa da Mariña, entre os que se inclúen persoal sanitario e corpos de Policía Local. A comarca sofre un brote de coronavirus con 184 casos activos, segundo o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Así llo trasladou este luns o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, aos alcaldes da Mariña este luns nunha reunión telemática, na que lles explicou que realizará un “estudo epidemiolóxico completo aos colectivos profesionais máis expostos á Covid-19 nos 14 concellos que conforman o distrito sanitario da Mariña”, informou o departamento sanitario da Xunta. O municipio de Burela permanece pechado e outros seis con mobilidade restrinxida por mor do foco de coronavirus.

Deste xeito, entre o conxunto de profesionais aos que se lle realizarán as probas epidemiolóxicas inclúese o persoal sanitario dos centros de saúde, PAC e hospitais da comarca, así como os corpos de Policía Local.

A eles súmanse outros colectivos “vulnerables”, puntualizou a Xunta, como o Servizo de Atención no Fogar, os membros de Protección Civil, o persoal de socorrismo ou os traballadores municipais e membros da corporación local.

Ademais, na reunión que diariamente manteñen responsables de Sanidade cos alcaldes da Mariña tras o brote con 184 casos activos ata este luns, Almuiña comunicoulles que se realizará este “cribado exhaustivo” de profesionais e colectivos vulnerables “para optimizar a detección precoz de posibles novos casos de persoas infectadas por coronavirus”, concretou Sanidade.

Tamén explicou Sanidade que a folla de ruta marcada pola Consellería desenvolverase dun modo “progresivo” durante “as próximas datas” e que se “priorizará a realización das probas segundo a situación epidemiolóxica de cada concello”.

INICIO EN BURELA

Por iso, Burela, municipio que concentra o maior número de casos activos neste brote e no que está restrinxida a mobilidade soamente ao termo municipal, será onde se inicie este cribado dos colectivos máis expostos á Covid-19.

Despois continuará co conxunto de concellos costeiros, nos que existe algún tipo de restrición sanitaria -mobilidade entre eles-, e finalmente testarase ao persoal do conxunto de localidade do interior desta comarca, que xa non contan con restricións de mobilidade.

MÁIS PROBAS

Sanidade destacou que, ademais, os alcaldes da Mariña terán a posibilidade de estender a realización das probas a outros colectivos dos seus concellos, como membros de Protección Civil, persoal de socorrismo e traballadores municipais e membros da corporación local.

Para solicitar a realización das probas destes colectivos, as corporacións locais deberán remitirlle unha listaxe á Consellería de Sanidade, explicou este departamento, no que se especifiquen os datos “da totalidade das persoas ás que se lle van a facer as probas”.

SITUACIÓN QUE “PARECE ESTABLE”

Sanidade destacou que os rexedores consideraron “moi positiva” esta medida no marco da reunión. Ao termo da reunión, Almuiña agradeceu de novo a colaboración ao conxunto de alcaldes e incidiu na a necesidade “de non relaxarse a pesar de que a situación parece estable“.

Por iso, convidou aos alcaldes a que continúen “informando á súa poboación da necesidade de cumprir a totalidade das medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da crise sanitaria”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here